CRTVG

Buscar

Andaina solidaria polo Pindo para colaborar con Sara

Publicado o 16/05/2017 18:45

É unha nena de 9 anos que ten parálise cerebral. Cando naceu, os médicos non pensaban que puidese camiñar. Pero a base de participar en carreiras populares, agora xa corre soa

Presten atención á historia de Sara, unha nena de 9 anos de Cee con parálise cerebral. Cando naceu, os médicos non pensaban que puidese camiñar. Pero a base de participar en carreiras populares, agora xa corre soa. A implicación do seu círculo é tal que o centro onde se adestra organizou, para mañá, unha andaina solidaria polo monte Pindo.

Dúas veces á semana, Sara Vieites acode a adestrarse. Cando comezou, facíao en cadeira de rodas pero grazas á súa forza, ao propio adestramento e as carreiras populares a sua melloría é imparable.

Dende que naceu, Sara ten unha parálise cerebral que lle afecta as pernas. Os médicos dixéronlle que non camiñaría pero equivocáronse. E para seguir avanzando, o 26 de xuño vana operar en Madrid para intentar recuperar a fibrotomía gradual que padece.

A operación realízaa un médico privado e custa catro mil euros. Os seus adestradores non dubidaron en comprometerse con esta situación e decidiron organizar unha andaina polo monte Pindo para colaborar.

Sara Vieites é un claro exemplo de tenacidade que con nove anos nos deixa unha lección de vitalidade cando afronta unha carreira.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/05/2017