CRTVG

Buscar

Analizarán as augas residuais en nove depuradoras de Galicia para controlar posibles rebrotes

Publicado o 26/05/2020 19:34

Un dos lugares onde podemos atopar pistas sobre a evolución da COVID-19 é nas augas residuais. A Xunta, Universidade e as principais operadoras do sector van facer análises en nove depuradoras de Galicia para axudar a controlar posibles rebrotes.

Son tres os proxectos de investigación sobre a presenza de coronavirus nas augas residuais que se van facer en Galicia. Proxectos en que participan a Xunta, o CSIC, as tres universidades e as principais empresas de augas.

Analizarán mostras, polo de agora, das depuradoras da Coruña, Vigo, Ourense, Sanxenxo, Baiona, Nigrán, Cambados, Ribeira e Viveiro. O Goberno galego di que os resultados destas investigacións axudarán a unha detección precoz de posibles rebrotes e controlar a evolución da pandemia.

Este foi o asunto principal da reunión que mantivo este martes Alberto Núñez Feijóo coas operadoras que prestan servizos de auga en Galicia. Tamén lles agradeceu o seu labor durante a emerxencia sanitaria.

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade: "Agradezo o esforzo de todos os profesionais do sector da auga que co seu traballo garantiron en todo momento a suministración e depuración para a poboación".

O presidente dixo que grazas aos plans de continxencia que as empresas puxeron en marcha as infraestruturas hidráulicas seguiron traballando para garantir a calidade da auga durante o confinamento.

Noticias web

26/05/2020