Analizan o comportamento dos cans de palleiro para certificar as súas cualidades
Esta é Rula, un exemplar de cinco anos da raza autóctona can de palleiro e hoxe estaba de exame. A través de dazaseis probas analizábase se o seu comportamento respondía ao que se espera dun can desta raza: intelixencia, estabilidade psíquica e carácter forte cos estraños pero dócil cos donos, entre outros.
Segundo Angela González, responsable de Medicina de Comportamento do Hospital Veterinario Rof Codina, "o que facemos é sometelos a distintos estímulos. A proba de antes era como reacciona diante de persoas. Primeiro facemos a proba cunha persoa, logo con máis, e tamén coa intensidade: camiñando normal ou camiñando rápido, porque pola rúa pode camiñar rápido. E xa vedes que esta cadela reaccionou dun xeito espectacular".
Uns douscentos propietarios están a participar neste estudo que realiza o Club de Raza Can de Palleiro en colaboración coa fundación Rof Codina. O proxecto inclúe un cuestionario escrito e tamén unha batería de probas presenciais.
Para o Presidente do Club da Raza Can de Palleiro, Juan Carlos Puente, "todo iso recopila unha información que resulta moi valiosa. Por unha banda, para o estudo do comportamento da raza de Can de Palleiro, e unha vez que se analicen todos os datos, e despois individualmente ten o interese que a cada propietario, os detalles que se detecten que se poden mellorar, pois con un especialista do comportamento canino, que se poida corrixir: unha timidez excesiva, unha agresividade, ou ansiedade por separación".
A ducia de cans que acudiron a Silleda esta mañá foron sometidos a probas de estrés e de introdución de estímulos co gallo de poder predicir o comportamento da descendencia e escoller tamén as mellores cualidades para perpetuar. E Rula, a nosa protagonista, semella que sacou matrícula.
"Conveceunos moito -asegura o seu propietario, José Reboiras- porque son moi equilibrados, así o podo corroborar. É un excelente compañeiro e un excelente gardián".
Os tests repetiranse noutros puntos de Galicia, aínda que os primeiros resultados apuntan a que están a cumprir todo o que se espera dun can de palleiro de pura cepa.