CRTVG

Buscar

Ana Pontón pide comparecencias semanais de Feijóo mentres dure a crise

Publicado o 20/04/2020 07:27
Ana Pontón pide comparecencias semanais de Feijóo mentres dure a crise

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu este domingo ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que compareza semanalmente ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia "mentres duren a crise sanitaria e o estado de alarma".

Así o manifestou en declaracións á prensa tras participar na reunión do titular do Executivo galego coas forzas da oposición, en que chamou a que o Parlamento de Galicia "non siga secuestrado en mans do PP", pois "só funciona para o que interesa ao Goberno" e Feijóo "só compareceu unha vez durante a crise".

"A sociedade galega quere ver as institucións democráticas funcionando a pleno rendemento, por iso pedimos unha comparecencia semanal e unha reunión semanal da Deputación Permanente cunha orde do día similar á dos plenos ordinarios", proseguiu.

Máis aló desta cuestión, Pontón incidiu na situación nas residencias de maiores, "con 190 persoas falecidas por contaxios que tiveron a súa orixe nelas", o que evidencia "a falta de previsión", polo que "se debe extremar todas as medidas de control e establecer un novo protocolo que garanta o benestar de usuarios e persoal".

Así mesmo, tamén lamentou que a Xunta de Galicia non definise o calendario de oposicións, unha decisión "da que están pendentes moitas persoas", polo cal, pediu "claridade" para poñer fin á "incerteza".

"Parece pouco probable que se poidan realizar, xa que este ano non parece que se vaian permitir grandes acumulacións de persoas; o máis realista sería trasladalas a 2021, pero co compromiso de manter o número de prazas", engadiu.

En materia económica, o BNG entende que a Xunta de Galicia "debe exercer a súa competencia e tramitar os ERTE de forma acelerada" á vez que "podería implementar, do mesmo xeito que outras autonomías, axudas directas de ata 2.000 euros para os autónomos, que en moitos casos quedaron sen ingresos e seguen mantendo os mesmos gastos".

Por último, a líder nacionalista pediu que se realice "unha repartición gratuíta de máscaras" a toda a poboación e que se garanta o autoabastecemento e a produción "a través dunha empresa pública especializada nas subministracións médicas", que sería especialmente útil "no caso de que a pandemia, como parece posible, rebrote no outono".