CRTVG

Buscar

Ana Pontón: o acordo PSOE-BNG deixa a Feijóo "co cu ao aire"

Publicado o 14/02/2020 12:50

• Acusa a Caballero de "querer limitar o pluralismo"

A portavoz nacional e candidata a presidencia da Xunta do BNG, Ana Pontón, asegurou este venres que o acordo de investidura entre a formación nacionalista e o PSOE deixa "co cu ao aire" ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa que "mostra a súa incompetencia para defender os intereses de Galicia".

"Só hai un cidadán galego molesto co acordo: Núñez Feijóo, que viu como o BNG fixo máis por defender os intereses de Galicia nun mes que el en dez anos", afirmou Pontón nun almorzo informativo ofrecido xunto ao deputado no Congreso Néstor Rego e á integrante da Executiva Nacional Goretti Sanmartín.

A líder da formación nacionalista tamén ve o PPdeG "ao bordo dun ataque de nervios" con respecto á actuación do BNG, xa que demostrou "a súa incompetencia e a súa inutilidade para defender os intereses de Galicia".

"O seu nerviosismo non deixa de ser a expresión do descolocados que están: saben que a forza política con maior proxección nas eleccións autonómicas é o BNG, por iso están a nos atacar", proseguiu Pontón, quen chamou a imaxinar "canto podería facer o BNG á fronte da Xunta" en vista do conseguido "cun só deputado".

Pontón acusa a Caballero de “querer limitar o pluralismo político”

Ana Pontón, acusou ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, de querer "limitar o pluralismo político" ao propoñer un debate cara a cara co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao entender que son as únicas forzas con opcións de liderar o Executivo autonómico.

"Creo que mal empezamos a campaña se queremos limitar o pluralismo político nos debates", apuntou Pontón e reclamou "modestia e sensatez" e apostou por celebrar "debates plurais", xa que "son os galegos os que decidirán quen ostentará a responsabilidade de Goberno".

Neste sentido, a líder nacionalista ironizou con que, "con esa mesma lóxica", ela mesma, que é "tan candidata como calquera outro", podería pedir "un cara a cara" entre Ana Pontón e Alberto Núñez Feijóo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí