CRTVG

Buscar

Ana Pontón: "Feijóo non ten as mans libres, é un recadeiro do PP"

Publicado o 17/02/2020 13:40

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, instaba esta mañá as forzas da esquerda rupturista a resolveren os seus problemas internos. Antepoñía a súa situación á do BNG que, asegura, ten un proxecto sólido e con capacidade para liderar o cambio. 

A portavoz nacional e candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, tachou de "basta mentira" a afirmación do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, de que é "un candidato coas mans libres para defender Galicia", xa que "sempre foi un recadeiro ao servizo de Madrid e aos intereses do PP".

"Galicia non tivo un presidente, tivo un recadeiro que permitiu todas e cada unha das discriminacións do Goberno do PP: agora non pode esconder os seus dez anos de submisión e traizóns aos intereses dos galegos", apuntou Pontón nunha conferencia de prensa ofrecida na sede do BNG en Santiago.

Neste sentido, a líder nacionalista está "convencida" de que os galegos "darán a resposta que merece o 5 de abril" á actitude do presidente da Xunta, quen "sempre tivo as mans atadas, antes por Mariano Rajoy e agora por Pablo Casado".

"Non hai campaña publicitaria que poida lavar o historial de submisión aos intereses de Madrid e do PP e en contra de Galicia", sentenciou Pontón, quen enumerou unha serie de asuntos nos que Feijóo "quedou calado e submiso ante Rajoy".

"Para reclamar os 200 millóns de débeda en dependencia, Feijóo estivo calado ante Rajoy, igual que ante o veto sistemático da transferencia da AP-9, os atrasos no AVE, o recortazo nos investimentos a Galicia, o espolio enerxético ou o sistema de financiamento que nos discrimina", asegurou.

Ante esta actitude, Pontón sinalou que "se os galegos queren á fronte da Xunta unha presidencia coas mans libres para defender os seus intereses", poden contar con "o BNG, cuxa única dependencia e única obediencia é Galicia e non ten que pedir permiso a ninguén para defender aos galegos alí onde sexa necesario". 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí