CRTVG

Buscar

Ana Pontón: "Hai motivo para a esperanza e unha alternativa sólida ao PP"

Publicado o 13/07/2020 00:39

A candidata á presidencia da Xunta e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrouse este domingo electoral moi agradecida a todas aquelas persoas que depositaron un voto á formación nacionalista e, tras recoñecer que non foi suficiente para situar unha muller á fronte do Goberno autonómico por primeira vez, asegurou que desde xa mesmo traballará para "consolidar" os resultados dentro de catro anos.

"Non oculto que queriamos máis, un cambio galego. Pero hoxe empeza unha nova etapa no noso país, para que dentro de catro anos poida haber unha presidenta", proclamou Pontón, que compareceu rodeada dos membros da Executiva Nacional ante os medios, tras lograr 19 escanos o BNG, un resultado histórico no número de deputados conseguido pola formación nacionalista.

Pontón manifestou que lle trasladou a súa "felicitación" ao presidente da Xunta en funcións e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, e tamén lle desexou "acertos", porque os seus "serán" o que permita "avanzar" a este país. "Digo isto porque estamos en circunstancias excepcionais, nunha crise social, económica e sanitaria e este momento require altura de miras de política con maiúsculas", apuntou Pontón, quen dixo que o importante "non é cal foi a porcentaxe" de cada organización política, senón "a xente deste país e as súas vidas".