CRTVG

Buscar

Ana Pontón di que o BNG é a alternativa para o cambio de goberno en Galicia

Publicado o 08/09/2021 14:46

Segue reflexionando sobre o seu futuro pero o que ten claro é que o BNG é a alternativa para o cambio de goberno en Galicia. "Evidentemente, Galicia necesita un novo goberno encabezado polo BNG", asegurou Ana Pontón, voceira nacional do BNG, nunha entrevista na Radio Galega.

Di sentirse avalada polas urnas, que situaron os nacionalistas como segunda forza política no Parlamento. "Somos a alternativa real fronte ao Partido Popular; o BNG é quen representa a forza política que pode nuclear un novo goberno, e nós imos cumprir ese mandato", engade Pontón.

O secretario xeral dos socialistas galegos tamén dicía onte sentirse avalado polos resultados electorais. Hoxe non quixo falar deste tema pero nos micrófonos da radio galega aseguraba que a alternativa ao PP é o PSdeG. "Estou coa forza e capacidade para seguir traballando dende o PSdeG, que non é a dereita conservadora do PP nin o nacionalismo que se abraza ao independentismo catalán", aseguraba este martes Gonzalo Caballero.

A estas palabras evitaba referirse hoxe Pontón, que insistía en que o BNG é nacionalista. "O BNG é unha forza nacionalista que coñecen ben os galegos e saben cales son as nosas alternativas", di a voceira do BNG. E engadiu que teñen un proxecto amplo no que colle todo o mundo, en alusión aos que nun día marcharon da organización.

Noticias web

08/09/2021