CRTVG

Buscar

Ana Peleteiro, sétima mellor saltadora de triple do mundo coa súa mellor marca

Publicado o 07/08/2017 22:52

Na cuarta rolda Peleteiro fixo un nulo e, con molestias físicas, deixou xa de saltar

A venezolana Yulimar Rojas, de 21 anos, arrebatou á colombiana Caterine Ibargüen o cetro mundial de triplo salto cunha marca de 14,91 metros, só dous centímetros máis que a campioa olímpica. 

Ibargüen, que aspiraba a ser a primeira atleta que conquistaba tres títulos mundiais consecutivos, vaise de Londres, como nos Xogos Olímpicos de 2012, coa medalla de prata, e a kazaka Olga Rypakova -titular olímpica aquí fai cinco anos- coa de bronce (14,77).     

A ribeirense Ana Peleteiro, que comparte adestrador -o cubano Iván Pedroso- coa nova campioa do mundo, rematou sétima co mellor rexistro da súa vida (14.23), marcando un novo récord galego. A galega renunciou ao seu último salto debido a unha mala caída na súa mellor marca.

Pedroso tamén lle transmitiu o seu carácter competitivo. Peleteiro debutara cun salto de 13,92 e cometera un nulo na segunda quenda. Estaba duodécima e última antes da terceira rolda, a piques de quedar eliminada, e entón descolgouse co mellor salto da súa vida ata hoxe: 14,23.

Ascendía así ata o sétimo posto e gañábase o dereito para executar outros tres saltos, xunto ás mellores do mundo, asegurándose xa praza de finalista.     

Na cuarta rolda Peleteiro fixo un nulo e, con molestias físicas, deixou xa de saltar. 

Galería de imaxes

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/08/2017