Ana Peleteiro remata de sexta no Mundial de Doha
Ana Peleteiro en Doha e, a milleiros de quilómetros dalí, os seus veciños animando, empurrando dende a praza do Concello do Ribeira. Os problemas físicos e psicolóxicos lastraron a súa preparación no último mes, por iso, quería comezar forte porque logo ían chegar as molestias, a dor. Abrí o concurso cun gran primeiro salto de 14.47, que non foi quen de mellorar nos cinco intentos seguintes. Rematou de sexta, moi lonxe do ouro da súa compañeira de adestramentos Yulimar Rojas, que voou ata os 15.37. E quedou a 26 centímetros do bronce da colombiana Caterine Ibargüen, que fixo 14.73.
"Obviamente non é ao que aspirabamos este ano despois do principio que tiveramos, que foi incríble. Pero, como xa dixen tras a cualificación, despois do ano que tiven, podo darme por satisfeita", recoñeceu Ana Peleteiro.
Para optar á medalla, Ana Peleteiro precisaba igualar ao aire libre a súa mellor marca persoal, os 14.73 cos que gañou o ouro indoor en Glasgow. Intentouno no seu derradeiro salto pero quedou nos 14.20.
"Dáme rabia pero creo que vou aprender moito. Cando chegue ao hotel estudarei toda a competición e iso vaime facer ter un bo resultado o ano que vén en Toquio", explicou a saltadora de Ribeira.
Ana Peleteiro remata 2019 como campioa de Europa indoor e a sexta do mundo, mellorou un posto con respecto ao mundial de Londres 2017. E co aplauso e o agarimo da súa Ribeira natal