Ana Peleteiro e Tono Campos, premios do Deporte Galego
E esta tarde o Auditorio de Lalín acolleu a Gala de Premios Deporte Galego. Estes premios recoñecen os méritos deportivos do ano 2018 e distinguen 22 premiados en 18 categorías. O premio á mellor deportista feminina foi para Ana Peleteiro. A atleta de Ribeira non podía estar máis satisfeita polo galardón.
"Un orgullo, a verdade é que nunca gañara un premio coma este e para min todo o que teña que ver con Galicia, como todo o mundo o sabe, é unha honra e por iso mesmo estou hoxe aquí. Un premio coma este teño que ser eu quen o veña recoller, e faime moita ilusión", asegurou.
En categoría masculina o premio foi para o padexeiro Tono Campos: "Está claro que o piragüismo ten que estar presente na gala do deporte galego. O piragüismo é un referente xa non só en Galicia e en España senón que o piragüismo galego é un referente a nivel mundial", lembrou.
Ademais, na gala tamén se premiou a Susana Rodríguez Gacio, Desirée Vila e moitos outros deportistas. Tamén hai que mencionar o noso compañeiro Alfonso Pardo e o seu programa Convivir Deportivo da Radio Galega. Eles recibiron o premio ao mellor labor informativo.