CRTVG

Buscar

Ana Pastor: "Queremos trasladarlle á xente que unidos no centrodereita sumamos máis"

Publicado o 19/09/2019 11:04

A deputada do Partido Popular e vicepresidenta do Congreso, Ana Pastor, dixo este xoves no Bos días que entende que os cidadáns poidan expresar fastío pola situación política: "Teñen razón cando ven que os políticos non se entenden, que imos repetir unhas eleccións, que custan diñeiro, tempo e xeran inestabilidade", afirmou.

A campaña de cara ás próximas eleccións para Ana Pastor non se inicia agora, "comezou o día da moción de censura". "Nós agora dicímoslle ao señor Sánchez que quen non é capaz de entenderse con partidos máis a súa esquerda ou á súa dereita, ten unha grandísima responsabilidade e os cidadáns teñen que valorar que é que queren para o futuro, se políticos que somos capaces de entendernos cun proxecto de país ou unha inestabilidade permanente, que é ao meu xuízo o que significa o señor Sánchez" asegurou a deputada galega do Partido Popular.

No medio desta situación de inestabilidade, Ana Pastor quixo facer fincapé no que considera un agravio para Galicia por parte do Goberno de Pedro Sánchez: "Os deputados galegos no Congreso estamos moi preocupados porque onte escoitamos a vicepresidenta dicirlle ao PNV que a axenda dun Goberno en funcións mobilizará os recursos necesarios para o País Vasco. Eu pregúntome como pode ser posible que os trate dunha maneira e aos galegos dunha maneira moi diferente, e se nos menosprece sabendo que lle deben a Galicia 700 millóns de euros. A campaña vai servir para defender os problemas de Galicia. O presidente non foi a Galicia, e vemos como a ministra de Facenda se reúne con presidentes socialistas, e nós non queremos ser máis que ninguén, só que nos traten en igualdade, porque os servizos públicos dos galegos dependen diso".

Pastor fixo unha aposta clara pola idea de unir as forzas de centrodereita arredor do proxecto España Suma, replicando a experiencia de Navarra, e que o Partido Popular e Ciudadanos poida unirse de cara aos próximos comicios: "Temos que traballar o máis unidos posibles para recuperar o Goberno de España para co centrodereita, e o que imos é pedir a confianza dos cidadáns e queremos trasladarlle á xente que unidos o centrodereita sumamos máis".