CRTVG

Buscar

Ana Pastor: "Eu sigo traballando por Galicia e polos intereses dos galegos. E aí vanme atopar sempre"

Publicado o 08/10/2019 11:09

Ana Pastor é a gran novidade nas listas do Partido Popular de cara ás próximas eleccións. Pasa de ocupar o posto de número un pola provincia de Pontevedra a ser a número dous por Madrid, xusto detrás do candidato do seu partido, Pablo Casado.

"Foi unha petición do presidente Casado. Como sabedes, levo moitos anos sendo candidata por Pontevedra, e pediumo o meu partido e como sempre á súa disposición. Faleino tamén co presidente Feijóo e estou para traballar polo partido e por Galicia tamén, claro que si", dixo Ana Pastor nunha entrevista no Bos días.

A deputada do Partido Popular di que en calquera caso, o cambio non supón unha renuncia ás súas responsabilidades con Galicia: "Eu son unha militante do PP de Galicia, unha persoa que sempre traballou por Galicia desde postos de responsabilidade. Agora teño a oportunidade de ser a número dous pola lista de Madrid, que é a capital de España, pero eu sigo, como non traballando por Galicia e polos intereses dos galegos. E aí vanme atopar sempre, pero dando resposta á petición do partido. Eu o que son débollelo aos votantes do PP e ao meu partido, e por iso non puiden dicir que non".

O cambio chegou a última hora, cando estaba previsto que repetise como candidata por Pontevedra: "A intención dos meus compañeiros era que me presentase por Pontevedra, unha vez máis, e cando me ofreceron isto sentín esa ambivalencia, pero eu vou seguir estando aí. Temos a sorte de que esa lista a vai encabezar a alcadesa de Marín, María Ramallo, que é unha gran candidata".

Respecto ás análises que se fixeron asegurando que se trata dun xesto cara á parte máis moderada do seu partido e á Mariano Rajoy, Ana Pastor prefire non facer reflexións nese sentido, pero si valora que se conte con persoas con experiencia: "En política é fundamental a renovación e a experiencia. Ás persoas máis novas hai que darlles oportunidades, porque todos comezamos desde abaixo, pero tamén contar coa experiencia".

Respecto á campaña Ana Pastor cre que "os partidos están moi preocupados polas enquisas. E hai moio movemento en torno a iso, e moi pouca preocupación en torno ao que preocupa á xente. Nós no que imos traballar en campaña, desde a moderación, é falar moito das persoas, e cada partido falará do que crea oportuno".