CRTVG

Buscar

Ana Julia Quezada, culpable do asasinato con aleivosía do pequeno Gabriel Cruz

Publicado o 19/09/2019 21:50

• O xurado popular conclúe por unanimidade que a acusada matou o pequeno de forma intencionada, pero sen asañamento 

• O veredicto asume a tese da Fiscalía que pide prisión permanente revisable e desmonta a versión que Quezada deu durante o xuízo

O xurado popular declarou por unanimidade a Ana Julia Quezada culpable de asasinato con aleivosía pola morte de Gabriel Cruz, o fillo de oito anos da que era a súa parella, Ángel Cruz. O xurado, formado por sete mulleres e dous homes, seguiu a tese da Fiscalía, que pide por este delito a pena de prisión permanente revisable. Pero rexeitou o asañamento que pedía a acusación particular. A acusada tamén foi condenada polos delitos de danos psíquicos e contra a integradidade moral dos pais do neno, Ángel e Patricia. 

Condenada tamén por lesións aos pais
Ana Julia Quezada chegou á Audiencia Provincial de Almería procedente do cárcere para escoitar o veredicto do xurado. Tamén asistiron os pais de Gabriel Cruz. Vinte e seis horas estiveron reunidos, deliberando e incomunicados nun pequeno cuarto da Audiencia e no hotel, os nove integrantes do xurado.

Ás sete da tarde deste xoves comezou a audiencia pública en que a xuíz lle preguntou se tiña o veredicto e a continuación a voceira do xurado foi enumerando os feitos que consideraban probados.

"Unha vez na parcela de Rodalquilar, Ana Julia Quezada, de xeito súbito e repentino, colleu a Gabriel e lanzouno conta a parede, e tras o impacto procedeu a acusada, coas súas propias mans, a taparlle a boca e o nariz con forza ata vencer a resistencia e provocar o seu falecemento".

O xurado considera que Ana Julia matou o pequeno Gabriel e que o fixo con aleivosía pero non con asañamento, aumentando a dor do neno. Tamén rexeitou como atenuante que Ana Julia actuara baixo os efectos dos tranquilizantes. Ademais, considéraa culpable de dous delitos de lesións psíquicas e contra a integridade moral dos pais de Gabriel. 

"Patricia Ramírez, a raíz da morte do seu fillo, padece un trastorno de estrés postraumático e trastorno de adaptación que precisa tratamento continuado de farmacoterparia e psicoterapia, prevéndose unha evolución crónica".

O xurado manifestou a súa o oposición a unha suspensión da execución da pena que lle acabe impoñendo o tribunal e a un hipotético indulto. Se finalmente Ana Julia Quezada é condenada a prisión permanente revisable, como pide a Fiscalía, será a primeira muller en España con esta condena.