CRTVG

Buscar

Ana Julia confesa que matou a Gabriel dun golpe de machado e que despois o afogou

Publicado o 13/03/2018 19:26

• Quezada recoñece que Gabriel viaxou detrás dela no coche ata a finca de Rodalquilar. Alí asiste á reconstrución dos feitos

• Perfil | Así falaba na Radio Galega cando xa matara o neno

Ana Julia confesa que matou a Gabriel dun golpe de machado e que despois o afogou

Ana Julia Quezada, detida como a presunta autora da morte do neno Gabriel, confesou que matou o neno dun gole coa parte roma dun machado durante unha discusión e que logo o afogou. Recoñeceu que o día da desaparición Gabriel foi detrás dela no coche, que o invitou a subir e o levou á finca. Alí discutiron e foi cando lle deu o golpe co machado. 

A confesión produciuse na Comandancia da Garda Civil de Almería, onde Quezada prestou declaración durante case dúas horas ante os axentes da investigación. Ao remate da declaración, a avogada Beatriz Gámez asegurou que a súa defendida estaba "colaborando" cos axentes, á vez que asegurou que o martes foi a "primeira vez" que os especialistas lle pediron que falase sobre o ocorrido. 

Ana Julia Quezada foi conducida por segunda ocasión á finca de Rodalquilar, na que podería ter ocultado o cadáver, para unha reconstrución dos feitos. A detida chegou á finca minutos despois das 17:30h. xunto cos investigadores, a comitiva xudicial e os avogados defensores desginados mediante o turno de oficio. A reconstrución, que se prolongou durante unha hora, supón a segunda visita á finca desde que a sospeitosa fora detida o pasado domingo. 

Os principais focos da investigación céntranse en como faleceu o menor, se a única detida actuou soa e onde ocultou a súa roupa e o corpo. Ata Almería desprazouse o coronel Manuel Sánchez Corbí, xefe da Unidade Central Operativa (UCO), ao que se viu saír do rexistro practicado onte pola tarde na vivenda de Puebla de Vícar á que se dirixía Ana Julia Quedaza o domingo no momento da súa detención, cando transportaba no maleteiro do seu coche ao pequeno Gabriel.

Este martes, coincidindo co funeral que se oficiaba na catedral de Almería, o coronel xefe da UCO desprazouse á leira de Rodalquilar, a uns catro quilómetros ao sur das Hortichuelas, a vila almeriense en que desapareceu Gabriel o 27 de febreiro cando saíu da casa da súa avoa para percorrer un camiño de terra duns cen metros con destino á vivenda dos seus tíos e curmáns.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/03/2018