Ana Folgar (Adicae): "Os usuarios da AP-9 poden adherirse á demanda colectiva para reclamar as peaxes abusivas"
A asociación de usuarios de banca comezou a agrupar os milleiros de consumidores que sufriron durante máis de tres anos o cobro das peaxes da AP-9 mentres padecían os problemas que ocasionaban as obras ou o mal estado da vía.
Sabela Romar entrevista a Ana Folgar, secretaria xeral de Adicae-Galicia. Desde Adicae están facendo un chamamento aos usuarios da AP-9, que utilizaron a autopista mentres duraron as obras, por se queren adherirse a reclamación da Fiscalía.
"Este procedemento xa se iniciou o ano pasado e xa o puxemos en coñecemento do Consello Galego de Consumidores esta situación. Despois iniciuse o camiño procesal e a Fiscalía de Pontevedra interpuxo esta demanda colectiva en defensa dos intereses dos consumidores e nós pasamos a adherirnos".
"Xa formulamos as primeiras asembleas informativas para explicarlle á xente o posicionamento de Adicae e tamén o que implicaría unha sentenza favorable".
"Entendemos que as tarifas foron abusivas para o servizo deficitario que se estaba dando. Amais, no ano 2018, as tarifas foron subindo paulatinamente un 2 ou 3 por cento ata en tres ocasións, o que supuxo un aumento dos beneficios da concesionaria e o servizo non se daba en condicións óptimas".
"Reclamamos as candidades pagadas nas peaxes e unha indemnización do dobre da cantidade que se establecía para esa peaxe naquelas retencións que fosen superiores aos 10 minutos".