CRTVG

Buscar

Amplo seguimento na primeira xornada da folga na Atención Primaria de Vigo

Publicado o 21/05/2019 18:09

Amplo seguimento na primeira xornada de folga nos centros de saúde da área sanitaria de Vigo. Os médicos de Atención Primaria convocárona despois de que os sindicatos suspenderan o paro previsto en Galicia no mes de abril. Protestan pola sobrecarga asistencial e piden un cambio de interlocutor para seguir negociando. A xerencia do Sergas lamenta a falta de diálogo dos convocantes.

Estaban chamados a secundar o paro máis de 500 facultativos, nunha xornada con 14.000 citas fixadas. Fixérono, segundo o comité de folga, máis do noventa por cento. Unha cifra que o Sergas rebaixa ao 36%. É unha folga de médicos, convocada á marxe dos sindicatos. Reclaman a mellora da calidade asistencial, deteriorada, din, pola sobrecarga laboral, dez minutos por paciente. E, para sentar a negociar, un cambio de interlocutor. "Nós non imos negociar con esta xerencia. Entón, se queren solucionar o problema, que podamos ir cara adiante, o primeiro é que dimita a xerencia", asegura Manuel Domínguez, do comité de folga.

Mañá volverán parar, co apoio doutros centros sanitarios. Tamén do persoal dos PAC, que levan 18 meses mobilizados. Desde o Sergas lamentan a falta de diálogo dos convocantes e din que ninguén sobra na negociación. 

Félix Ruibal, xerente da área sanitaria de Vigo: "Eu creo que é importante que todos nos poñamos a traballar, abramos as vías de diálogo, deixemos posicións inmovilistas e avancemos para buscar unha mellora que teña resultados tanxibles na cidadanía", mantén Félix Ruibal, o xerente da área sanitaria de Vigo.

Protesta tamén en Santiago, do persoal eventual do Sergas. Marchou contra a precariedade laboral, despois de concentrarse perante o Parlamento galego.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/05/2019