CRTVG

Buscar

Amplíase o prazo de inscrición na lista de emprego temporal da Xunta

Publicado o 01/05/2020 15:30
Amplíase o prazo de inscrición na lista de emprego temporal da Xunta

A Xunta ampliou o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal para traballar nos servizos públicos da Administración galega. O prazo, que finalizaba este xoves, amplíase ata un mes e 18 días naturais despois de que conclúa o estado de alarma derivado da crise sanitaria do COVID-19. Así, o persoal interesado, que cumpra os requisitos de titulación, poderá continuar coas solicitudes de inclusión nas bolsas que se atopaban abertas antes da declaración do estado de alarma para o nomeamento de funcionarios interinos e a contratación de persoal laboral temporal da Xunta de Galicia.

Estas listas son utilizadas pola Administración galega para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos. As persoas contratadas prestarán servizos en escolas infantís, centros de atención a menores ou persoas con discapacidade, residencias de maiores, centros para persoas con dependencia, nos servizos de gardacostas ou en institutos politécnicos. Neste contexto, a Consellería de Facenda xa anunciou esta mesma semana a intención de propor ás organizacións sindicais renovar no último trimestre do ano a realización dasprobas selectivas das oposicións xa convocadas no campo da Administración Xeral. "É dicir, todos os procesos selectivos da Administración autonómica con excepción dos correspondentes ao persoal docente de educación e ao persoal do Sergas", explica.

"O obxectivo é achegar certezas e seguridade aos aspirantes, garantir o bo desenvolvemento dos procesos selectivos e seguir cumprindo os acordos asinados cos sindicatos para favorecer a estabilidade na Función Pública autonómica", engade. Ademais, incide en que esta proposta "dá resposta ás demandas dalgunhas organizacións sindicais e supón dar continuidade ámoratoria de dous meses aprobada o pasado 12 de marzo".

Noticias web

01/05/2020