Os bares xa poderán pechar este venres á unha da mañá
• "O que avancemos cara á normalidade é bo, sobre todo, para o emprego"
• As xuntanzas no ámbito privado non terán límite de participantes
Os bares igualan o seu horario cos restaurantes, mesóns e taperías e poderán abrir ata a 1 da mañá. Héctor Cañete, presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña, explica que é "moi necesario que os bares se vaian normalizando, que vaiamos recuperando o horario da nosa licenza, tamén as ocupacións máximas, todo o que avancemos cara á normalidade é bo para todos e sobre todo para o emprego".
Iso si, terán que instalar medidores de CO2 para controlar a calidade do aire e ventilar se fose preciso. No interior poderá haber ata 6 persoas por mesa, e no exterior o máximo ascende de 10 a 15.
Os clientes aplauden a medida, aínda que os hostaleiros chaman á responsabilidade. "Pido paciencia e que se cumpran as normas", explica o responsable dun local.
A ocupación máxima nos locais de hostalería mantense como estaba, segundo o nivel de restricións de cada concello. Nos que teñan unha incidencia por baixo de 150, a maioría, permítese ocupar a metade do local no interior, e o 75 % do espazo exterior.