CRTVG

Buscar

Amplíase a zona de busca do mariñeiro desaparecido preto da illa de Ons

Publicado o 13/02/2020 14:00

Por terceiro día consecutivo, restableceuse o operativo de busca do mariñeiro desaparecido este martes nas inmediacións da illa de Ons, logo de que envorcara a planadora na que ía con outros dous compañeiros debido a un golpe de mar. Salvamento Marítimo coordina a operación, na que continúan participando a Garda Civil, Xunta de Galicia, Protección Civil e particulares mediante unidades por terra, mar e aire.

Na xornada de hoxe, únense ao operativo por terra un grupo de bateeiros da Illa de Arousa, localidade natal do desaparecido. Ademais, os servizos que colaboran nesta operación ampliaron a zona de busca cara ao norte da ría de Arousa, en concreto en Aguiño e Ribeira, así como cara ao norte da ría de Muros e Noia, centrándose nos concellos de Muros e Carnota. Pese ao traballo das unidades despregadas estes días pola zona, os resultados son, ata o momento, negativos.

Polo de agora, o grupo de mergulladores que traballaron onte na zona do accidente deron, a 12 metros de profundidade, co pantalón e o teléfono móbil do bateeiro desaparecido. O operativo continuará traballando nos vindeiros días, aínda que non de xeito tan intensivo coma nestas primeiras xornadas de busca; tarefa que, ademais, se dificulta pola situación do mar en Galicia, con avisos de carácter laranxa e amarelo que continuarán activados de cara á fin de semana.

Noticias web

13/02/2020