CRTVG

Buscar

España esixirá PCR negativa aos viaxeiros chegados de 65 países e zonas de risco

Publicado o 12/11/2020 09:22

• A partir do 23 de novembro será obrigatorio presentalo nas aduanas

• A medida non terá efecto en Galicia, sen voos internacionais

 

España vai esixir PCR nos aeroportos e portos a todos os viaxeiros internacionais que cheguen de zonas de risco. Será a partir do vindeiro día 23 de novembro.

Eses viaxeiros terán que presentar unha PCR negativa realizada nas 72 horas previas ao desprazamento. De non facelo, realizaráselles aquí un test serolóxico e expoñeranse a sancións económicas.

Entre os países afectados por esta medida están boa parte dos europeos e tamén os americanos; pola contra poucos países asiáticos e africanos están obrigados a este control.

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, explicou que este formulario de control sanitario garantirá a condición de España como destino seguro.

A medida foi ben acollida, sobre todo polas comunidades autónomas con máis visitas internacionais, como os dous arquipélagos ou a Comunidade de Madrid. A súa presidenta, Isabel Díaz Ayuso, lembrou que "levamos seis meses pedíndoo porque estamos convencidos de que o virus entrou en Madrid así".

Rexistro obrigatorio en Galicia

En Galicia, esta medida non terá efecto porque ningún dos tres aeródromos da comunidade autónoma ten nin terá, polo menos nun mes, voos internacionais. As liñas aéreas suprimíronos pola baixa demanda ante as restricións de mobilidade.

A novidade é que se amplía desde hoxe a relación de territorios con rexistro obrigatorio para os viaxeiros que cheguen. Así, agás a Comunidade Valenciana, as Baleares, as Canarias e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla, será obrigado o rexistro na web ou no teléfono habilitados pola Xunta.

Noticias web

12/11/2020