A Revista
Visitamos a horta de Trasdeza Natur, premio Agader de innovación tecnolóxica
Seguimos en Silleda, porque alí imos visitar unha explotación ecolóxica que acaba de facerse co premio Agader de desenvolvemento rural polas innovacións tecnolóxicas que incorpora. Aproveitan o sol e a auga para sacar adiante unha produción máis rendible dende o punto de vista económico e medioambiental.
Poida que a primeira innovación nesta explotación fora precisamente o seu nacemento. Ata entón non existían aquí en Silleda explotacións hortícolas profesionais, unha produción moi ligada ao autoconsumo neste territorio eminentemente gandeiro. María Xosé tamén tiña horta na casa, e cando quedou sen emprego fóra decidiu emprender neste sector. Estudou ben o terreo, formouse e deseñou o seu plan de empresa antes de poñerse en marcha.
O obxectivo é sacar a maior e mellor produción posible, cos menos custos. Xa traballan uns cinco mil metros, con asociación de cultivos: así aproveitan mellor o espazo e as plantas benefícianse unhas das outras para medrar máis sas. Venden unha parte da colleita en fresco, directamente aos clientes da zona, e destinan a outra á transformación. Para iso instalaron este secadoiro, un prototipo que tiñan a proba para o deshidratado de algas na facultade de Físicas de Compostela, e que lles adaptaron aquí. Deseñárono cunhas dimensións, formas e mesmo cores determinadas para que manteña sempre a temperatura entre os 30 e os 50 graos e, o mellor de todo, aliméntase exclusivamente con enerxía solar.
Con este proceso lento e natural, os produtos deshidratados conservan todas as súas propiedades. Por iso queren abrirlles un oco no mercado, así que máis alá das salsas ou as marmeladas que están probando, queren deseñar produtos saudables baseados nestes deshidratados.
E tamén innovaron para reutilizar as augas que saen do obradoiro de transformación. Depúranas nesta charca para poder usalas logo na rega.
Todas estas novidades valéronlles o premio Agader de innovación tecnolóxica este ano, co que quixeron recoñecerlles a aposta pola horta ecolóxica, por darlle máis valor engadido coa transformación e polo emprego de tecnoloxías verdes. Queren destinar os dez mil euros do premio a un invernadoiro para poder ampliar as producións que, antes de final de ano, contan poñer xa no mercado coa súa propia marca.