CRTVG

Urxen medidas de seguridade viaria na estrada entre Verín e Portugal

Publicado o 06/10/2017 14:13

Un atropelo que sucede apenas unhas horas despois do de Tamaguelos, onde unha muller quedou ferida grave. Foi na estrada que vai de Verín a Portugal, e que atravesa esta vila. Neste lugar este tipo de sinistros son frecuentes, algún ata con mortes, así que os veciños piden medidas urxentes para que deixe de ser tan perigosa: esixen semáforos, ou un radar fixo; algo que acabe con tanto accidente.

A travesía de Tamaguelos, na estrada nacional de Verín á fronteira portuguesa, suma un novo atropelo no día de onte. Nesta oportunidade, foi unha veciña da localidade, de oitenta anos, a que foi atropelada por un turismo cando pretendía cruzar a estrada. No lugar aínda son visibles as pegadas das rodas, pola freada do condutor para evitar o atropelo. 

Os veciños desta parroquia verinesa levan anos denunciando a perigosidade da estrada. Os atropelos son demasiado frecuentes no lugar. A travesía, nunha longa recta, invita a conducir con velocidade nun lugar en que xa se produciron atropelos con resultado de morte. Os veciños piden a instalación dun semáforo ou mesmo dun radar fixo para frear a sinistralidade.

A muller atropelada onte continúa ingresada no hospital comarcal de Verín, onde se recupera favorablemente das feridas sufridas neste accidente.