CRTVG

Un niño de velutina enorme ten alarmados os veciños dunha aldea do Carballiño

Publicado o 05/10/2017 14:12

Unha cousa enorme, xa escoitaron. E tanto. Un niño de velutina, nunha aldea do Carballiño, que din que pode medir máis dun metro. Aseguran que nunca viran cousa tal, e que xa deron aviso para que o retiren. De momento non sufriron picadas, pero din que hai veciños na zona aos que lles mataron todas as abellas. 

As pólas altas deste castiñeiro é o lugar que elixiron as avespas velutinas para instalar o seu niño, na aldea da Gouxiña, no concello ourensán do Carballiño. É un niño de grandes dimensións que ata esta semana pasou despercibido para os veciños. Din que as avespas asiáticas xa acabaron coas colmeas dun veciño. 

Aseguran que pode medir máis dun metro de longo e agardan agora a que os membros da Protección Civil veñan retiralo. Malia que a presenza da velutina na povincia de Ourense non está moi estendida, o seu avance non para de medrar. 

Dende Protección Civil do Carballiño aseguran que no último mes levan retirado máis dunha vintena de niños de velutina espallados polo municipio.