CRTVG

Un edificio histórico de Navia de Suarna non goza de ningunha figura de protección

Publicado o 06/10/2017 14:01

Un grupo de veciños de Navia de Suarna mobilízase para evitar que lles derruben un edificio histórico da vila. Quéixanse de que o inmoble en cuestión non ten ningún tipo de protección, así que piden que o cataloguen como edificio modernista de principios do século pasado. O concello mercouno co plan de derrubalo e reordenar a praza, pero esta plataforma xa leva recollidas máis de 6.000 sinaturas e conta co apoio do Colexio de Arquitectos de Galicia. 

Este edificio modernista de principios do século XX, situado en pleno centro de Navia de Suarna, actualmente non está protexido. Foi adquirido polo Concello para derrubalo e reorganizar a praza da vila, polo que xurdiu un colectivo cidadán para evitar a súa desaparición. Trátase da plataforma Salvemos Casa Benedicto, que reclama que o inmoble sexa catalogado. A iniciativa, á que se adheriu o Colexio de Arquitectos de Galicia, xa recolleu máis de 6.000 sinaturas. 


Para os veciños da vila, o edificio non só ten valor histórico, senón tamén turístico. Dado que xa leva máis de 20 anos deshabitado, estase a degradar, polo que instan á Administración local a tomar medidas antes de que comecen a producirse desprendementos. 


Ao non estar catalogado como edificio histórico, o inmoble podería ser derrubado en calquera momento mediante unha licenza do propio Concello de Navia.