CRTVG

Trapero volverá ser citado tras achegar a Garda Civil un "voluminoso" atestado

Publicado o 06/10/2017 11:47

O mayor dos Mossos d'Esquadra asegura ante o xuíz que a policía autonómica actuou de xeito correcto durante os disturbios do 20 de setembro en Barcelona. Josep Lluis Trapero compareceu na Audiencia Nacional como investigado por sedición.

O xefe dos Mossos veu dicir que non puideron facer máis durante os incidentes vividos na consellería de economía catalá. Trapero di que a Garda Civil non lles avisou con suficiente antelación para preparar un dispositivo de seguridade e atribúe as queixas da benemérita ás percepcións diferentes que hai nos dous corpos sobre como abordar os problemas de orde pública. Pola Audiencia Nacional tamén pasaron os dous máximos responsables da Asemblea Nacional Catalá e Omnium Cultural. O primeiro, Jordi Sánchez, dixo que o que se viviu aquel día foron protestas pacíficas, mentres que Jordi Cuixart acolleuse ao seu dereito a non declarar. Tanto os 3 investigados como unha intendente dos Mossos volverán declarar o día 16, despois de que a Garda Civil achegase novas probas da suposta sedición.

Amplíase a investigación na Audiencia Nacional sobre a actuación dos Mossos d'Esquadra. A Garda Civil achegou un informe de 300 páxinas con novos documentos sobre a actuación da policía autonómica non só o 20 e o 21 de setembro, senón nos 10 días seguintes, incluído o do referendo.

O interrogatorio sobre esas novas probas será o 16: hoxe, Josep Lluis Trapero respondía polo acoso á Garda Civil durante os rexistros da Consellería de Economía. O mayor dos Mossos dixo que a súa actuación foi correcta, que se enteraron do despregamento da Garda Civil pola prensa, e que por iso non puideron facer máis por evitar os incidentes. O mesmo declarou, por videoconferencia, a intendente dos Mossos, Teresa Laplana. Tamén estaban citados Jordi Sánchez e Jordi Cuixart, os presidentes das organizacións pro-independencia Asemblea Nacional Catalá e Omnium Cultural. Sánchez negou que promoveran un alzamento violento, como os acusa a fiscalía. Cuixar negouse a declarar.

A policía non permitiu que unha comitiva de apoio formada por deputados nacionalistas e de En Comu Podem acompañara aos investigados ata a porta. Tamén disolveu a un pequeno grupo da ultradereita que pedía prisión para Trapero. O xuíz non decretou ningunha medida cautelar.