CRTVG

Retómanse as declaracións polo accidente de tren de Angrois en Santiago

Publicado o 12/09/2018 14:22

Esta mañá retomáronse as declaracións do caso Alvia nos xulgados das Fontiñas, en Santiago. O segundo cargo do Adif investigado acudiu a declarar ante o xuíz Andrés Lago Louro, que instrúe a investigación polo accidente de Angrois do 24 de xullo do 2013. Tamén compareceu un dos técnicos da unión temporal de empresas UTE, que subministrou a tecnoloxía de seguridade da liña.

A primeira hora desta mañá declaraba ante o xuíz do caso Alvia o segundo cargo do Adif investigado na causa polo accidente do tren Alvia en Angrois, o xerente da área de seguridade na circulación do noroeste. Fernando Rebón foi increpado polas vítimas que acudiron aos xulgados das Fontiñas para seguir a instrución do caso.
Na súa declaración, Rebón só respondeu ás preguntas do xuíz, do fiscal e do seu letrado, que non quixeron facer declaracións aos medios de comunicación. Rebón está investigado por posible responsabilidade penal. O maxistrado Andrés Lago citouno para esclarecer algúns dos defectos no que se refire á xestión da seguridade e riscos inherentes á liña.

Outro dos citados hoxe ante o xuíz, en calidade de testemuña, foi un dos técnicos da Unión Temporal de empresas UTE, que submistrou a tecnoloxía da seguridade da liña Ourense-Santiago. 

As declaracións continuarán mañá e pasado nos xulgados das Fontiñas, retomadas hoxe despois da súa suspensión pola folga de empregados públicos da xustiza.
Nos xulgados son sete persoas as investigadas polo accidente de Angrois: o maquinista, dous altos cargos do Adif, tres técnicos da consultora pública Ineco e Antonio Lanchares, ex-director de seguridade na circulación de Renfe, que dimitiu a semana pasada.