CRTVG

Proxectan a construción dun novo hotel de catro estrelas no centro de Lugo

Publicado o 06/10/2017 21:38

As expectativas turísticas en Lugo son prometedoras para os vindeiros anos. Así o considera un promotor que vai crear en pleno centro da cidade un hotel de catro estrelas. Será o segundo establecemento destas características na mesma rúa. Está previsto que conte con 90 habitacións e que se poña en marcha a comezos de 2019.

A antiga residencia de rapazas da Compañía de María de Lugo vaise converter nun hotel de catro estrelas. Unha familia de emprendedores lugueses mercou os edificios, que levan dez anos sen ningún uso, e os case catro mil metros de terreo axardinado que os rodean. O obxectivo é ofrecer 90 habitacións, salóns de banquetes  e congresos, zonas de ocio, tendas e un parking. O investimento cífrase en oito millóns de euros e agardan que todo estea en funcionamento en maio de 2019. Un proxecto moi ambicioso pero que, segundo os promotores, será rendible porque os estudos de mercado apuntan a un auxe do turismo en Lugo nos vindeiros anos.

O novo hotel estará situado na rúa Ramón Ferreiro, unha das máis longas e céntricas de Lugo. Nesa rúa xa existe outro establecemento de catro estrelas. Sen embargo, os promotores cren que a proximidade entre os dous hoteis suporá un beneficio mutuo e non unha competencia. Agora só falta que o concello acometa os trámites para a concesión das licenzas e se poida comezar a remodelar todo o edificio e a acondicionar os xardíns.