CRTVG

O fiscal pide cárcere para os dous acusados de esmagar 79 porquiños ata matalos

Publicado o 05/10/2017 15:09

Esta mañá os dous acusados compareceron ante a Xustiza. O fiscal pide para eles dous anos e medio de cárcere por malos tratos a animais e danos.

Durante o xuízo, o acusado afirmou que todo fora unha pallasada. Pero asegurou que non esmagara ningunha cría e que tampouco morrera animal ningún. Sobre as fotos dos leitóns mortos, sinalou que son dun tamaño maior e que as marcas porcinas confirman que non son ningunha das crías que el trasladaba.

Tamén dixo que foi el quen pediu ao compañeiro que o gravase. O outro acusado declarou o mesmo. E o transportista que levou os animais dixo que os porcos que logo apareceron mortos eran máis grandes.

Os feitos ocorreron o 7 de xaneiro de 2016 cando os acusados trasladaban os bacoriños dende as cortes das nais ao módulo de recría. Un deles, que daquela tiña 19 anos, abalanzouse sen motivo aparente sobre os animais. O outro acusado, de 22, gravouno no móbil e enviou as imaxes a amigos por whatsapp.

Os leitóns tiñan apenas 7 días de vida. Segundo a Fiscalía, 79 deles faleceron esmagados.


O ministerio público pide para os acusados unha pena de dous anos e medio de cárcere polos delitos de maltrato animal e danos. Tamén unha inhabilitación dun ano e medio para poder ter animais ou poder traballar nun lugar onde os haxa. Ademais, reclama para cada acusado case 7.000 euros entre a multa e a indemnización á empresa