CRTVG

'Pídechas o corpo' lémbranos a Festa do Choco de Redondela

Publicado o 05/05/2020 15:40

Cada ano, nesta primeira quincena de maio, Redondela festexa o choco, un dos produtos do mar con máis sona. Pero agora non pode ser. Así que os choqueiros poderán vivir a festa, esta noite, no programa Pídechas o corpo, que fará un repaso por outras edicións e pola riqueza culinaria deste produto.

O choco é sagrado en Redondela. Tanto é así que aos naturais desta zona chámanlles choqueiros. Xa van aló 33 anos desde que lle celebran unha festa, que este ano ten que ser moi particular. Os hostaleiros son quen máis o notan xa que aquí non hai establecemento que non amose a súa creatividade con este cefalópodo cos pés na cabeza.

Rosa Blanco Blanco, do bar La Cueva de Redondela: "Este ano non temos Festa do Choco, e entón podemos preparar uns chocos e cómeos cada un nas súas casas. Eu vou preparar uns chocos en tinta, cons chocos de Redondela que son moi ricos".

Santiago Figueroa, carpintero e Dono de 78 Gastrobar de Redondela: "Para nós a Festa do Choco é algo moi importante porque é unha fin de semana de moito traballo, en que a facturación se nota bastante".

Santi e Rosa amosarán no Pídechas o corpo desta noite, a partir das once e media, cadansúa receita con choco, para animar a que cada un o celebre na casa, lembrando a festa doutros anos.