CRTVG

Pablo Casado estréase como líder da oposición no Congreso

Publicado o 12/09/2018 20:51

Este debate deixou en segundo plano a estrea do novo presidente do PP como líder da oposición no Congreso.

Pablo Casado acusou a Sánchez de ter que pagar caros os apoios da moción de censura. O presidente do Goberno díxolles que teñen un trauma pola perda do poder e que van ter que acostumarse aos cambios.

Pablo Casado insinua que o Goberno sube os impostos por orde de Podemos.  Tamén que achega presos etarras o País Vasco e os do procés a Cataluña como concesións polos apoios da moción de censura.

"Chegou ao Goberno sen gañar as eleccións, co peor resultado histórico do PSOE e co apoio dos independentistas e 'batasunos'. En cen días vimos a canto ascendía a hipoteca e o prazo que lle dan para pagala", dixo Casado.

"Sinto que a chegada do goberno progresista, socialista e de esquerda  supuxera un trauma para a dereita española pero van ter que acostumarse aos cambios. Non se fagan oposición a si mesmos porque hai moitas cousas que recuperar e outras tantas que conseguir", replicoulle Sánchez.
  Casado ofrece apoio para volver aplicar o 155 en Cataluña e critica as rectificacións do executivo estes tres meses. Sánchez respondeulle que sete anos de Goberno do PP non se arranxan en 100 días.