CRTVG

Os expertos alertan do perigo de cogomelos altamente tóxicos en Galicia

Publicado o 06/10/2017 21:29

Co outono comeza o tempo de recollida dos cogomelos. A afección á micoloxía vai en aumento e cada vez son máis os que se botan ao monte en busca de fungos. Pero ollo, en Galicia hai moitas variedades altamente tóxicas e mesmo mortais.

Remata o verán e arranca o outono, a época por excelencia dos cogomelos. O verán seco fai que polo momento haxa nos montes menos dos habituais nestas datas pero toca esperar como vén o tempo a partir de agora. Cada vez son máis as persoas que se adentran no mundo da micoloxía e saen a buscar cogomelos pero ollo hai moitas variedades e compre coñecelas ben. Un non pode guiarse só por pequenas referencias e cómpre ser prudentes.

Recoller os cogomelos equivocados pode ir moito máis aló dunha intoxicación alimentaria. Hai especies altamente tóxicas que poden provocar importantes danos no organismo e deixar secuelas graves e mesmo ser mortais se non se intervén a tempo nun centro médico.O clima e as grandes extensión de monte fan de Galicia un escenario perfecto para os fungos pero os que se inicien na materia teñen que ser precavidos. Hai que absterse de comelos en caso de dúbida e é que arriscarse non paga a pena.