CRTVG

Os deseñadores galegos emerxentes mostran o seu traballo en 'Acreativa Makers'

Publicado o 06/10/2017 21:48

Poñer en valor o traballo dos deseñadores e artesáns galegos emerxentes é o obxectivo do mercado que se celebra esta fin de semana na Coruña que reune a máis de 30 creadores. Enmárcase dentro de 'Acreativa', unha iniciativa posta en marcha por Afundación e que mostrará ata decembro as novas tendencias e vangardas culturais galegas.

'Acreativa Makers' é o primeiro dos eventos desta iniciativa. Trátase dun mercado que se vai celebrar a fin de semana na Coruña, que ten como obxectivo que un grupo de 33 deseñadores e artesáns que non teñen tenda física poidan mostrar os seus produtos.

"Podemos atopar un pouquiño de todo. Son produtos cun deseño e unha elaboración propia de deseñadores e artesáns, e dicir, son produtos traballados, non son produtos comprados en China e vendidos aquí, senon que teñen detrás un longo traballo", di a organizadora do evento.
Xoiería, marroquinería, deseño gráfico e téxtil, son algunhas das ofertas deste mercado.Como esta colección de moda infantil confeccionada xon tecidos totalmente naturais, que non están tratados con produtos tóxicos.

"Esta roupa a particularidade que ten é que está feita en Galicia e ademáis os tecidos que empregamos son tecidos de algodón orgánico. Os estampados son deseñados por nos mesmas e máis que nada está inpsitado na nosa terra: os fiunchos propios dos nosos campos, os paxaros dos nosos bosques, as árbores das nosas fragas", di Carmen Picallo.
Os deseñadores que participan destacan a importancia que ten para eles a organización destes eventos.

"Eu creo que isto é fundamental porque aínda porque aínda que en redes sociais esteas publicando todos os días, isto hai que tocalas, ahi que velas, hjai que vivilñas e probalas e senon temos a oportunidade de que isto se vexa e se senta, é todo máis complicado", afirma Paloma Miranda.
Este mercado está enmarcado na iniciativa 'Acreativa' de Afundación que ata o mes de decembro levará a cabo distintas actividades para mostrar as tendencias en deseño e gastronomía e as vangardas culturais galegas.