CRTVG

Telexornal Mediodía

Os adolescentes galegos inícianse no alcol e nas drogas cada vez máis novos

Publicado o 07/06/2017 15:05


Os adolescentes galegos comezan a consumir cada vez máis pronto alcol, tabaco e drogas, alerta un estudo realizado na facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. En concreto, a media dos adolescentes recoñece comezar a consumir alcol entre os 13 e 14 anos e o de cánnabis entre os 14 e os 15 anos.

Investigadores de psicoloxía do consumidor e usuarios da Universidade de Santiago entrevistaron desde 2014 máis de 11.000 adolescentes entre 12 e 18 anos en 70 institutos públicos. Hoxe presentaban os datos de Santiago de Compostela onde entrevistaron preto de 2.400 rapaces no último ano. As conclusións alertan que 32 por cento fumou tabaco nos últimos 12 meses e o 21% cánnabis. A idade media de inicio de consumo de alcol sitúase antes dos 14 anos e a de drogas antes de cumprir os 15.

"Son datos que son extrapolables a toda Galicia e a todo o Estado", di o director da investigación Antonio Rial.

A concelleira de Política Social do concello de Santiago avanzou que o estudo lles vai axudar a revisar o actual Plan municipal de drogodependencias.

" "Servirannos para centrar os obxectivos", asegur Concha Fernández.

Esta investigación tamén alerta do aumento de consumos de risco no bacharelato e especialmente nas mozas e tamén fai fincapé no uso problemático de Internet, onde o ciberacoso xa se sitúa arredor do 15 por cento. E subliña que 1 de cada 3 vítimas de de ciberacoso tamén son agresores e viceversa.