CRTVG

O Parque das Illas Atlánticas entra na lista indicativa de Patrimonio Mundial

Publicado o 06/10/2017 21:13

O Ministerio de Cultura anunciou hoxe a inclusión do Parque Nacional das Illas Atlánticas na lista indicativa española de Patrimonio Mundial.

Acordouno o Consello de Patrimonio Histórico Español que hoxe rematou a súa xuntanza na Rioxa. A proposta, elaborada conxuntamente polas consellerías de Cultura e de Medio Ambiente, foi aprobada por unanimidade na categoría de ben natural. Formar parte da lista indicativa significa que as illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada están xa incluídas no inventario de bens con valores universais excepcionais que o ministerio español selecciona para a Unesco. Dese catálogo é de onde cada ano se extrae a candidatura a Patrimonio Mundial. A escollida este ano é a candidatura da paisaxe catalá de Priorat-Montsant-Siurana.

As Illas Atlánticas están máis preto de acadar a declaración de Patrimonio da Humanidade. O primeiro paso xa está dado, e é o que veñen de conquerir, entrar na lista indicativa do ministerio de Cultura, o que asegura varios anos de inspeccións e exames por parte de expertos de todo o mundo. Segundo o conselleiro de Cultura, que fixo o anuncio, as Cíes e os outros tres arquipélagos, Ons, Sálvora e Cortegada, que integran o Parque Nacional, están xa nun camiño sen retorno. 

O vindeiro mes de marzo a Unesco recibirá a lista indicativa española e, un ano despois, os técnicos de Nacións Unidas e doutros organismos internacionais colaboradores comezarán a facer visitas ao arquipélago para elaborar os informes preceptivos.