CRTVG

Morre Araceli Herrero, pioneira da docencia en galego despois do franquismo

Publicado o 11/06/2020 12:59

A catedrática de Didáctica da Lingua e Literatura Araceli Herrero Figueroa, pioneira do ensino en galego despois da ditadura franquista, morreu en Lugo aos 71 anos de idade.

Nacida en Lugo o 22 de xuño de 1948, Herrero era licenciada e doutora en Filosofía e Letras e licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa. Deu clases no antigo Colexio Universitario de Lugo e tamén formou profesorado en Lugo e en Santiago, onde dirixiu o Departamento de Didáctica da Lingua da USC.

Araceli Herrero foi alumna e discípula de Ricardo Carvalho Calero. "Traballar con el como axudante foi un grande honor", dicía, nun documental biográfico de Carvalho. Estudosa da súa obra, tamén se especializou na de autores e autoras como Emilia Pardo Bazán, Luís Pimentel ou Álvaro Cunqueiro. Publicou distintas monografías, ensaios e artigos en numerosas publicacións.