CRTVG

Arde unha nave industrial de tratamento de residuos no polígono das Gándaras

Publicado o 12/09/2018 14:02

O lume prendeu nunha nave das Gándaras, no Porriño, e desfíxoa por dentro. Tiveron que traballar arreo bombeiros de todo o sur de Pontevedra e tamén de Portugal. 

A Policía Xudicial investiga as causas do incendio que esta noite destruíu parte dunha nave de reciclaxe de Xesnatura no Porriño. O lume declarouse pasadas as nove e media da noite, cando xa os últimos traballadores remataran a súa quenda. Foi o vixilante de seguridade quen deu aviso das lapas, que se ben non causaron danos persoais si afectaron gravemente a instalación.

Os bombeiros foron mobilizados desde todo o sur da provincia de Pontevedra e máis da veciña localidade portuguesa de Valença do Minho e a súa rápida intervención evitou que se propagara a outros ámbitos de traballo. Con todo, a actividade dos operarios de Xesnatura é frenética durante toda esta mañá para que a empresa poida retomar a súa actividade canto antes. Esta mesma nave xa foi pasto das chamas en 2008, daquela, quedou arrasada por completo.

As gravacións que se puideran salvar das cámaras de seguridade situadas no exterior e no interior do recinto poderían achegar algunha pista sobre a orixe do lume que causou numerosos danos materiais nesta nave de Xesnatura, no polígono industrial das Gándaras, no Porriño. 

A empresa almacenaba unhas 120 toneladas de materiais no intre do suceso. Trátase de residuos industriais, sobre todo papel, cartón, madeiras e plásticos, altamente inflamables, que aquí se separan, clasifican e empacan. A rápida intervención dos bombeiros, que acudiron desde todo o sur da provincia de Pontevedra e mais de Portugal, logrou controlar as chamas contra as doce da noite. O incendio comezou ao principio do protocolo de selección e, ademais dos depósitos, afectou moita maquinaria. 

Contra as catro da mañá o incendio quedou extinguido por completo. Aínda non están cuantificados pero a xerencia estima que os danos materiais son abundantes. Con todo, confían en retomar a actividade canto antes e por iso desde que os servizos de extinción finalizaron o seu labor, os operarios de Xesnatura se afanan en retirar os entullos. No entanto, os vinte traballadores da nave serán recolocados noutras divisións deste grupo empresarial.