CRTVG

Gas Natural Fenosa e Caixabank trasladan as súas sedes sociais fóra de Barcelona

Publicado o 06/10/2017 20:23

• Con Sabadell xa van tres empresas do Ibex 35 que toman esta decisión

Freixenet e Codorniu tamén estudan sacar a súa sede social de Cataluña

O consello de administración de Gas Natural Fenosa acordou en sesión extraordinaria trasladar a súa sede social de Barcelona a Madrid. A multinacional enerxética di que se trata dunha decisión temporal mentres persista a incertidume política en Cataluña. Aseguran que co traslado tratan de achegar tranquilidade aos mercados ante a hipótese de que o Parlamento catalán aprobe unha declaración unilateral de independencia a próxima semana.

Gas Natural Fenosa é primeira compañía non financeira cotizada no Ibex-35 que adopta esa decisión.

"Esto xenera un efecto arrastre. E a quen leva por diante primeiro é a todas as compañías catalás que están en bolsa", di o economista Venancio Salcines.

Apenas unhas horas despois o principal accionista de Gas Natural Fenosa seguía o mesmo camiño. Caixabank acordou por unanimidade do seu consello de administración trasladar a súa sede social a Valencia. Nun comunicado di que a continuidade na zona euro, ante unha eventual secesión de Cataluña, lle permite seguir contando coas condicións de financiamento e manter o  crédito a familias e empresa.

Os economistas consultados coinciden en que non se explicou suficientemente as consecuencias económicas e financeiras do proceso independentista, e que a decisión destas compañías era previsible.

"É sorprendente que a xente se dera conta no último momento. Non creo que o Banco Sabadell ou Caixabank decidiran por primeira vez esta semana cambiar de sede. Suponse que é algo que tiñan previsto desde hai un bo tempo", di o profesor Octavio del Campo.


Caixabank é o banco líder en Cataluña e un dos máis importantes de España con case 16 millóns de clientes.