CRTVG

Estudantes da ESO na Universidade pola súa paixón polas matemáticas

Publicado o 23/09/2017 15:07

Contrariamente ao que puidera parecer as matemáticas son a materia preferida de moitos rapaces. Precisamente a súa paixón polos números, fai que con tan só 12 anos un grupo de nenos e nenas de toda Galicia empecen dende hoxe a estudar na Universidade. Participan nun proxecto que intenta estimular o talento matemático entre os alumnos de secundaria.

A finais do curso anterior realizaron unhas probas que consistían en operacións de cálculo e resolución de problemas matemáticos. Logo tiveron que pasar unha entrevista cos examinadores. Dos trescentos participatnes foron seleccionados 21. Son os novos talentos matemáticos de Galicia que dende hoxe participan no campamento Estalmat que leva a cabo a facultade de matemáticas da Universidade de Santiago.Teñen 12 e 13 anos, proceden de institutos das catro provincias. Aínda que a maioría son nenos este ano hai dúas nenas.

Despois de pasaren un día nun centro de lecer das fragas do Eume, durante o resto do curso terán que vir 20 sábados á facultade para seguir practicando cos números.O proxecto comezou hai once anos. Neste tempo uns tres mil alumnos galegos da ESO realizaron as probas de acceso e 275 foron seleccionados. Algún deles xa obtivo a licenciatura e dá clases na facultade. Semella que non hai escaseza na canteira de matemáticos.