CRTVG

Chus Vieito: "A xustiza é un servizo esencial, a folga causa moita repercusión"

Publicado o 10/04/2018 10:06

Chus Vieito Mayo, membro da xunta de goberno do Colexio de Avogados de Santiago, acudiu ao estudio do Bos Días para falar das repercusións da folga da xustiza:

"A maior repercusión padécena os cidadáns. A xustiza é un servizo esencial nun Estado de dereito, e como tal esta folga está causando un dano moi considerable. Tamén nos profesionais: nos avogados, nos procuradores... No noso caso é unha repercusión económica. No caso dos cidadáns son os dereitos os que están en xogo".

"Aínda que a folga é indefinida, como é día a día, ata que chega ese día non sabemos se os funcionarios involucrados van estar de folga ou non. Iso significa que o día anterior non o sabemos e temos que ir igualmente ao xulgado".

"A xustiza é un servizo esencial. Apreciamos a sanidade como un servizo esencial, que o é, pero a xustiza non é menos".

"O Consello de Avogacía de Galicia está preocupado ante esta situación. O que fixo foi ofrecer a súa axuda, falar coas partes e descubrir en que pode axudar. Nesta situación de estancamento tamén é importante un mediador".

"Os servizos mínimos sempre nos han parecer insuficientes, pero si se están cumprindo, iso queremos pensar".

"O conflito énos alleo. Son as consecuencias as que nos afectan. As vicisitudes entre o conflito entre os funcionarios e a Administración tampouco as coñecemos directamente".

"Parece que as partes están bastante enrocadas. A Xunta di que xa fixo unha oferta que considera suficiente e os sindicatos consideran que as súas expectativas non se cumpriron. Entón seguimos igual. A xustiza non pode aguantar moito máis así".