CRTVG

Caixabank trasladará a súa sede social a Valencia

Publicado o 06/10/2017 18:52

O consello de administración de Caixabank acordou este venres en sesión extraordinaria tomar as medidas necesarias para trasladar o seu domicilio social, situado en Barcelona, a Valencia, ante un clima de tensión política e social en Cataluña que está provocando a saída de numerosas empresas da rexión.

Concretamente, a entidade acordou adoptar as medidas necesarias para trasladar o seu domicilio social a cálea Pintor Sorolla 2-4 de Valencia, segundo informou á Comisión Nacional do Mercado de Valores.

O cambio do domicilio social do banco que preside Jordi Gual está facultado polo decreto lei aprobado de xeito urxente este venres polo Goberno, que establece un novo marco para agilizar o cambio da sede social das empresas en territorio nacional.

Neste sentido, o consello de administración reunirase "tan pronto como se publique no Boletín Oficial do Estado a modificación da Lei de Sociedades de Capital para adoptar definitivamente os acordos oportunos".

A norma entrará en vigor mañá, sábado, segundo explicou este venres o ministro de Economía, Industria e Competitividad, Luís de Guindos, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.

Deste xeito, o traslado da sede social de Caixabank non debe recibir o visto bo dos accionistas da entidade, aspecto que se recollía no artigo 4.2 dos estatutos sociais do banco e que impedía cambiar a súa sede social a outro municipio sen o acordo da xunta xeral de accionistas.

O máximo órgano de dirección de Caixabank seguirá así os pasos de Banco Sabadell, que trasladou a súa sede social a Alacante este xoves, e anticípase así a unha posible declaración de independencia por parte do Govern da Generalitat nos próximos días.