CRTVG

As ansiadas precipitacións chegan a Galicia con chuvias máis fortes desde o domingo

Publicado o 08/12/2017 09:30

Por fin chegaron as choivas a Galicia malia que de momento son febles. Fortes non se esperan ata a noite de domingo a luns. Aínda hai concellos aos que non lles chegaron nin as primeiras pingueiras, sobre todo na provincia de Ourense.

Pola contra, na metade atlántica xa choveu dabondo, especialmente no suroeste da provincia da Coruña. Polo momento, con datos de ata as sete da tarde, onde máis auga caeu foi aquí. En Boiro recolléranse, xa hai un par de horas, 49 litros por metro cadrado. Ségueno localidades da Costa da Morte coma Carnota, con 44 litros, e Lousame con 36. A poboación recibe estas precipitacións, tardías, con acougo, como esperanza para agro e gando, e mesmo para sectores coma o comercio que confía en aumentar as vendas de roupa e calzado de abrigo.

Terrazas pechadas e paraugas abertos. Por zonas, especialmente as atláticas, xa mudaron as tornas. E con elas, espera o comercio, que as vendas.

Estas case primeiras choivas, chegan, case que como auga de maio, en decembro.
Da auga caída, non toda recollida... Non enchoupará, ata que caia a noitiña do domingo.
Chove de momento con xeito, pero nunca chove a xeito de todos.

Que, tamén di a tamén sabedoría popular: "Auga de xaneiro, cada gota val diñeiro". 

Tras o frío chegan as precipitacións, as ansiadas precipitacións. Polo momento foi pouca a auga que caeu pero co paso dos días prevese que as borrascas deixen chuvia xeneralizada e de cáracter feble ou moderado. 

A cousa cambia o domingo e o luns, serán típicos días de decembro. De 40 litros por metro cadrado na costa atlántica. Chuviosos con temperaturas suaves que, ademais, semellan ser o anticipo dunha semana inestable. Unha semana que podería abrir un cambio de tendencia. É dicir, que volvan as precipitacións normais desta época. Hai axencias que fan modelos a medio prazo e que prevén un xaneiro e febreiro con chuvia abondosa en Galicia. Pero iso, aínda hai que velo.