América anda xa polos cinco millóns de contaxios, a metade dos que hai no mundo

O continente americano conta 4.933.972 casos positivos de COVID-19, segundo os últimos datos da Organización Mundial da Saúde, do total de 9.843.073 que se rexistran en todo o mundo.
Canto aos falecementos, danse oficialmente por mortas en América 241.931 persoas, das 495.760 que as estatísticas oficiais din que finaron ata o momento en todo o planeta desde que comezou a estenderse a pandemia do coronavirus.
Os EUA suman 38.576 novos casos
Os Estados Unidos sumaron este domingo 38.576 novos contaxios de covid-19, e con iso elevan a súa estatística global a 2.544.169 casos da enfermidade, que levou 125.768 vidas no país, segundo o reconto independente da Universidade Johns Hopkins.
O balance ás 20:00 hora local (00:00 GMT do luns) mostrou unha lixeira baixa diaria dos casos positivos, que pecharon a xornada anterior cun total de 2.505.593 enfermos.
Durante a xornada contabilizáronse 288 novos decesos fronte aos 502 do sábado, de acordo co cómputo.
O venres, os Estados Unidos romperon o seu récord diario de contaxios de coronavirus, con 45.330 novos casos. O feito atribuíuse ao rebrote da enfermidade en estados do sur e do oeste do país, como Florida, Texas, California e Arizona.
México chega a 216.852 contaxios e a 26.648 decesos
México rexistrou este domingo 4.050 contaxios e 267 decesos pola covid-19 para alcanzar os 216.852 casos e 26.648 mortes acumuladas desde o comezo da pandemia en febreiro pasado, informaron este domingo as autoridades sanitarias.
O subsecretario de Prevención e Promoción da Saúde, Hugo López-Gatell, afirmou que en México a pandemia se mantén nunha fase de ascenso aínda que comezou a baixar a velocidade con que se están rexistrando os casos e as defuncións.
"A pandemia segue en fase de ascenso, non diminuíu o ascenso, pero si a velocidade con que se están sumando os casos e as moi lamentables defuncións", dixo López-Gatell ao presentar o informe técnico do coronavirus.
Nas últimas 24 horas, as infeccións mostraron un crecemento do 1,9 %, e nos decesos o incremento foi do 1 % respecto ás cifras do informe técnico do día anterior.
As autoridades sanitarias do país reportaron un rexistro de 2.004 defuncións cualificadas como sospeitosas, que se atopan en etapa de estudos de laboratorio para seren confirmadas ou descartadas.
A Arxentina suma 2.189 novos casos, e as mortes ascenden a 1.232
A Arxentina reportou este domingo 2.189 novos casos de covid-19, dos que 2.077 se concentran na capital e a provincia de Bos Aires, co que o número total de contaxios no país ascendeu a 59.933, mentres que os falecementos chegan a 1.232 tras confirmárense 16 mortes no último día.
O informe diario vespertino que difunde o Ministerio de Saúde arxentino precisou que as 16 mortes das últimas 24 horas corresponden a oito homes (catro residentes na provincia de Bos Aires e outros catro na capital) e oito mulleres (unha na provincia bonaerense e sete na capital).
Dos 59.933 positivos por coronavirus detectados desde o 3 de marzo e ata o momento polas autoridades sanitarias da Arxentina, 1.063 (1,8 %) son importados, 21.599 (36 %) son contactos estreitos de casos confirmados, 25.600 (42,7 %) son casos de circulación comunitaria e o resto está en investigación epidemiolóxica.
O aumento no ritmo de contaxios, que leva varios días por encima dos 2.000 casos diarios, levou ao Goberno a endurecer a corentena na AMBA e outras zonas do país, polo menos ata o próximo 17 de xullo.
O Brasil sumou 552 mortes este domingo, o menor número en 21 días
O Brasil rexistrou 552 novas mortes por coronavirus nas últimas 24 horas, co que o total de vítimas ascendeu a 57.622 desde o primeiro caso da enfermidade hai catro meses, pero o número de óbitos este domingo foi o menor para un día nos últimos 21 días, informou o Goberno.
O número diario de mortes por covid-19 no segundo país máis afectado pola pandemia non era tan baixo desde o domingo 7 de xuño, cando foron rexistrados 525 falecementos.
A pesar de que os domingos polo xeral as cifras tenden a ser menores debido a que hai menos funcionarios traballando no rexistro, as mortes contabilizadas foron inferiores ás dos dous últimos domingos: 641 o 21 de xuño e 616 o 14 de xuño.
A caída do número diario de vítimas a menos de 600 contrasta nunha semana en que o país viña rexistrando unha media de máis de mil falecementos diarios: 654 o luns, 1.374 o martes, 1.185 o mércores, 1.141 o xoves, 990 o venres e 1.109 o sábado.
A cifra real de mortos este domingo poderá coñecerse o martes, cando as estatísticas tenden a ser actualizadas cos falecementos ocorridos na fin de semana.
De acordo co boletín divulgado polo Ministerio de Saúde, nas últimas 24 horas tamén se rexistraron en Brasil 30.476 casos da enfermidade -o menor número para un día nunha semana-, e así o total de contaxiados ascendeu ata 1.344.143.
A pesar da redución das mortes e os casos este domingo, as cifras acumuladas confirman o Brasil como o segundo país con máis vítimas e contaxios de coronavirus no mundo despois dos Estados Unidos, como un dos novos epicentros mundiais da pandemia e como o que maior media de vítimas vén rexistrando nos últimos días.
O Perú chega a case 280.000 casos e máis de 9.300 falecidos
O Perú chegou este domingo a case 280.000 casos detectados e máis de 9.300 mortos pola epidemia da covid-19, que mantén un lento descenso no país andino, o sexto no mundo e segundo en Latinoamérica con máis infectados.
O Ministerio de Saúde (Minsa) informou de que nas últimas horas se detectaron 3.430 novos casos, e con iso o total de infectados chegou a 279.419 desde que se reportou o primeiro no país, o pasado 6 de marzo.
Nese escenario, os recuperados volveron superar aos novos detectados, ao chegaren a 3.974 desde o anterior informe, para sumaren un total de 167.998 persoas que recibiron a alta médica en centro de saúde ou concluíron coa súa corentena domiciliaria.
Colombia supera os 90.000 contaxios e as 3.000 mortes
Colombia superou os 90.000 contaxios por coronavirus nunha xornada en que tamén tivo un récord de 167 falecementos, máis da metade deles no caribeño departamento do Atlántico, desbordado pola pandemia, informou este domingo o Ministerio de Saúde.
Cos 3.178 casos deste domingo, o país totalizou 91.769 infectados, dos cales 3.106 faleceron, o equivalente ao 3,38 %.