América non dá estabilizado a pandemia e os casos seguen medrando

As cifras que cada día reportan os sitemas de saúde dos países americanos non dan lugar a moito optimismo. Os Estados Unidos volveron situarse este xoves en cifras de récord de contaxios, O Brasil nin sequera parece ver próximo o cumio desa curva e moitos outros países do continente continúan sumando contaxios mentres se debaten entre a reapertura da actividade económica ou o endurecemento das medidas.
Os EUA superan os 122.500 mortos e 2,41 millóns de contaxios
Os Estados Unidos alcanzaron este xoves a cifra de 2.416.727 casos confirmados de covid-19 e 122.550 falecidos, de acordo co reconto independente da Universidade Johns Hopkins.
Este balance ás 20:00 hora local (00:00 GMT do venres) é de 38.079 contaxios máis que o mércores e de 618 novas mortes.
A media de novos casos diarios nos EUA volveu situarse na última semana por encima dos 30.000 pola repunta en estados como California, A Florida, Texas e Arizona, que suman entre os catro preto da metade de contaxios de todo o país.
México pasa dos 200.000 contaxios e 25.000 decesos
México pasou este xoves os 200.000 casos confirmados e os 25.000 decesos pola covid-19, tras reportar 6.104 novas infeccións e 736 mortes na última xornada.
Desde o inicio da pandemia, o pasado 28 de febreiro, México acumula 202.951 casos e 25.060 falecementos, informaron as autoridades nunha rolda de prensa no Palacio Nacional de Ciudad de México.
Os contaxios duplicáronse en 22 días, practicamente, desde as 101.238 infeccións reportadas o 3 de xuño, e os falecementos duplicáronse en 20 días, desde os 12.545 do 4 de xuño.
Actualmente, México ocupa o undécimo lugar no mundo con máis casos de covid-19 e é o sétimo país con máis falecementos acumulados desde o inicio da pandemia.
Con todo, as autoridades sanitarias de México defenderon este xoves o éxito das medidas tomadas para combater a pandemia. O subsecretario de Prevención e Promoción da Saúde do Goberno de México, Hugo López-Gatell, declarou como "manifestación de éxito" o feito de que se prolongue a epidemia, que en México comezou o 28 de febreiro.
"Logramos que houbese menos casos por día, sobre todo no pico, logramos desprazar a data do pico, e logramos que ninguén quede sen atender porque o hospital está cheo: temos éxito, pero a epidemia segue", dixo López-Gatell nunha conferencia de prensa.
O Brasil, sen sinais de control da pandemia con case 55.000 mortes
Os contaxios e mortes por COVID-19 aumentan sen sinais de estabilización no Brasil, onde algunhas das rexións máis afectadas rexistran paradoxalmente unha menor presión hospitalaria, que creou a falsa sensación de que a pandemia está baixo control.
O Brasil, o segundo país máis golpeado despois dos Estados Unidos, suma 54.971 falecidos, con máis dun milleiro nos últimos días, e 1,22 millóns de infectados, segundo o Ministerio de Saúde, aínda que entre os expertos epidemiolóxicos é unánime que as cifras son máis elevadas debido á enorme subnotificación.
A taxa de ocupación de camas de terapia intensiva, con todo, reduciuse as últimas semanas nalgunhas das rexións máis castigadas polo coronavirus, onde comezou simultaneamente unha flexibilización das medidas de illamento social adoptadas desde marzo.
Que hai detrás dese descenso? En primeiro lugar, as autoridades brasileiras aumentaron a capacidade dos seus hospitais. O Goberno central afirma que investiu 1.200 millóns de reais (225 millóns de dólares) para habilitar 8.605 novas camas de terapia intensiva. Así mesmo, os gobernos locais esforzáronse en fortalecer a rede sanitaria pública.
Esa menor presión hospitalaria tamén se debe a que se están cancelando cirurxías non urxentes para "reservar esa estrutura" a pacientes graves co coronavirus. A menor circulación de vehículos permitiu ademais unha redución notable dos accidentes de tránsito, e iso deixou máis espazo libre nos hospitais.
De feito, ao redor dun terzo dos 27 estados brasileiros aínda rexistra unha taxa de ocupación de camas UCI por encima do 80 %, que podería empeorar tras o inicio da reapertura. Se o norte do país parece que xa pasou o peor, a situación agrávase considerablemente no centro-oeste e o sur.
Neste contexto, o Goberno do Brasil recoñeceu que a curva segue á alza, lonxe do que se creu hai unha semana, cando se anunciou unha "certa estabilización". "Dixeramos que a curva parecía que tendía a unha diminución de casos, pero vemos que a última semana tivemos un aumento significativo", afirmou en conferencia de prensa o secretario de Vixilancia en Saúde, Arnaldo Correia de Medeiros, despois de constatar un incremento do 22 % de casos novos.
A Arxentina suma 2.606 casos mentres estuda endurecer o illamento
A Arxentina reportou este xoves 2.606 novos casos de COVID-19; o número total de contaxios ascendeu a 52.457 nun momento en que as autoridades analizan endurecer as medidas de illamento en Bos Aires e a súa periferia, onde se concentran os crecentes casos.
O informe diario vespertino que difunde o Ministerio de Saúde arxentino precisou ademais que nas últimas horas se rexistraron 26 novas mortes por coronavirus. O número total de falecementos escalou a 1.150.
A provincia de Bos Aires segue sendo o distrito con máis casos confirmados ata o momento (24.645, dos cales 1.482 foron notificados este xoves). Hai 14.788 pacientes que xa foron dados de alta e 457 persoas ingresadas en unidades de coidados intensivos, cunha porcentaxe de ocupación total de camas de terapia intensiva do 48,3 % en toda a nación.
O presidente arxentino, Alberto Fernández, reuniuse este xoves co gobernador da provincia de Bos Aires, Axel Kicillof, e o alcalde da capital, Horacio Rodríguez Larreta, para analizaren as medidas ante o crecemento de casos en Bos Aires e a súa populosa periferia.
Segundo informaron, o Goberno nacional, o da provincia e o da capital arxentina "acordaron avanzar en maiores restricións á mobilidade que permitan unha forte diminución na circulación", aínda que as medidas que se van adoptar serán anunciadas este venres.
As mortes dispáranse en Colombia, con 163 nun día, e os casos pasan de 80.000
As mortes por coronavirus disparáronse este xoves en Colombia con 163 falecidos, o dobre dos rexistrados a véspera, e o acumulado chegou a 2.654; os contaxios superaron os 80.000.
Segundo o boletín diario do Ministerio de Saúde, nas últimas 24 horas tamén houbo 3.486 novos contaxios. A cifra total ascendeu a 80.599 casos, dos cales están activos 44.460, que corresponden ao 55,1 %.
Unha vez máis, a maioría das defuncións tivo lugar nas catro rexións máis afectadas pola pandemia no país, empezando polo departamento caribeño do Atlántico, con 81, das cales 48 foron en Barranquilla, a súa capital.
Dos 3.486 contaxios confirmados este xoves, 1.269 están Bogotá, principal foco da pandemia no país, que coas novas cifras se aproxima aos 25.000 casos a pesar de que as autoridades reforzaron os cercos aos focos no medio da flexibilización nacional da corentena da que este xoves se cumpren tres meses.
O Perú, 268.000 casos positivos
Este xoves, O Perú chegou a 268.602 casos detectados, 3.913 máis que na véspera, aínda que os recuperados tamén se elevaron a 156.074, ao se sumaren 4.485 persoas que recibiron a alta médica.
Dese xeito, o país andino ten actualmente 112.528 casos activos da enfermidade, 10.587 dos cales se atopan hospitalizados, 12 menos que no anterior informe, e 1.144 en camas UCI con ventilación mecánica.
A cifra de falecidos tamén se elevou a 8.761, ao se sumaren 175 decesos nas últimas horas, iso mantivo a taxa de mortalidade no 3,26 % do total.
O Colexio Médico do Perú (CMP) informou este xoves de que a COVID-19 causou a morte de 65 médicos e infectou 1.850.