CRTVG

Buscar

América afianza a reapertura a pesar de previsible chegada do pico da pandemia

Publicado o 05/05/2020 07:46

América comezou este luns unha semana decisiva na loita contra o coronavirus ante a previsión da chegada do pico de contaxios en varios países do continente, onde os gobernos comezaron a relaxar, con cautela, as restricións e corentenas que paralizaron a economía.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que o número de mortos pola COVID-19 no mundo supera xa os 238.000, mentres que as infeccións roldan os 3,34 millóns (aínda que máis dun millón recuperáronse xa).

Mentres Europa, que este luns aliviaba as medidas de confinamento tras meses de restricións por causa do coronavirus, excede o millón e medio de casos, América sitúase en 1,4 millóns de positivos ao comezo dunha semana en que diferentes autoridades previron a chegada do pico de contaxios.

Os Estados Unidos mantéñense como o país co maior número de infeccións do mundo (máis de 1,17 millóns), seguido por España (uns 217.000) e Italia (211.000).

Ademais, os Estados Unidos superan as 68.000 mortes por coronavirus e sitúanse tamén como o país con máis falecidos, seguido por Italia e o Reino Unido, ambos cuns 29.000 decesos, segundo o reconto da Universidade Johns Hopkins.

En América, os países máis afectados despois dos EUA seguen sendo o Brasil (máis de 107.708 infectados e 7.300 falecidos), O Canadá (uns 61.000 contaxiados e 3.900 mortos), O Perú (47.000 casos e 1.344 decesos) e Ecuador (uns 32.000 enfermos e 1.569 defuncións).

Tras eles sitúanse México (case 25.000 casos e 2.271 falecidos), Chile (20.600 infectados e 270 decesos), Colombia (uns 7.700 contaxios e 358 mortes) e Panamá (máis de 7.000 enfermos e 200 falecementos).

Con isto, o continente rolda xa o millón e medio de casos e as 85.000 mortes polo coronavirus.

O inminente pico

A Organización Panamericana da Saúde (OPS) alertou desde hai semanas de que a situación polo coronavirus ía escalar "e empeorar" en América ata chegar ao pico de contaxios, que varios Gobernos previron para a primeira ou segunda semana de maio.

As autoridades sanitarias de México estimaron, de acordo con proxeccións matemáticas, que o 6 de maio a pandemia alcanzará o seu pico máximo de transmisión no país, e é a capital a zona que ata o de agora rexistra a maior cantidade de casos, con 6.417 confirmados.

Tamén en Porto Rico, estado libre asociado aos Estados Unidos, onde hoxe se deu paso a unha reapertura gradual da economía, o Goberno previu que esta semana se producirá o "pico" de casos tras informar de 97 mortes e 1.843 contaxiados.

Noutras nacións como O Brasil aínda se ve afastado ese limiar. De feito, o Ministerio de Saúde e diversas análises privadas sinalan que o país se mantén lonxe do chamado "pico" da curva  pandémica, que se espera que ocorra entre fins deste mes e principios de xuño próximo.

Ante esas dúbidas, São Paulo, o foco da pandemia no Brasil, postergou a posibilidade de relaxar as medidas de restrición da circulación de persoas impostas hai máis dun mes.

Ábrese a economía a pesar de todo

A OPS advertiu permanentemente da necesidade de prudencia na flexibilización ao alertar que levantar de golpe as medidas de confinamento traerá unha nova onda de contaxios e recomenda avaliar cada 14 días se é necesario dar marcha atrás.

Con todo, este luns varios territorios do continente avanzaban no seu proceso de reapertura, no medio das presións económicas que vive a poboación por mor das restricións de mobilidade e as corentenas.

Así, sete estados dos EUA (Florida, Indiana, Kansas, Misuri, Nebraska, Carolina do Sur e Virxinia Occidental) e Porto Rico comezaron a reabrir a súa economía, mentres que a Casa Branca calcula que o ritmo de mortes podería duplicarse ata chegar a 3.000 ao día, de acordo con información de medios locais que o Goberno nega.

Estes territorios comezaron a abrir algúns restaurantes, ximnasios e salóns de beleza, aínda que a reactivación está a ser gradual e cada estado está a ditar as súas propias regras sobre que negocios reabrir e en que condicións e cales manter pechados.

En tanto, Nova York, o gran epicentro da pandemia nos EUA, considera que segue "baixando a curva" e por tanto traballa na reapertura por fases e rexións que comezará o 15 de maio, algo que  California prevé facer desde o vindeiro venres.

Este mesmo luns, O Canadá empezou tamén a relaxar o confinamento e as restricións á actividade económica, a pesar de superar a barreira dos 60.000 contaxios da COVID-19, con 3.842 falecidos.

Paraguai, que acumula 396 positivos de coronavirus, con dez falecidos e 126 recuperados, arrincou así mesmo a primeira fase da súa "corentena intelixente", como se coñece a primeira etapa de flexibilización de medidas, que permitiu a reactivación de máis do 50 % do sistema produtivo.

O presidente de Guatemala, Alejandro  Giammattei, tamén anunciou que a partir desta semana o país ingresará na etapa de "reapertura" tras 50 días en corentena polo coronavirus, que casusou a morte dunhas 17 persoas e máis de 703 contaxios.

O propio Giammattei sinalara que o pico da enfermidade se esperaba para as primeiras dúas semanas de maio, aínda que expertos agora consideran que podería ser en xuño.

Ese proceso foi máis cauteloso en Ecuador, que comezou este luns con moito receo unha nova etapa para pasar do illamento ao distanciamento social, tras reportar 1.569 falecidos e 31.881 positivos por COVID-19.

O sistema neste país denominouse "semáforo" epidemiolóxico e foi ideado como estratexia para o levantamento paulatino e regulado das restricións de confinamento.