CRTVG

Buscar

Amaina o temporal e volven traballar os percebeiros

Publicado o 17/12/2020 14:44

Uns 30 percebeiros da confraría de Corme, en Ponteceso, volven hoxe ás rochas do Roncudo para tentar apañar o prezado manxar desta zona, tan escaso e difícil de conseguir. Logo de varias xornadas sen poder facelo polos continuos avisos laranxas polo temporal, prevese que esta mañá poidan retomar o traballo.

Os percebes do Roncudo son os máis demandados pola súa calidade, e os que, nestas datas, moitos devecen por ter nas súas mesas de Nadal. Un tamaño perfecto e un sabor exquisito que non é de balde, téñeno grazas á bravura do mar que golpea con forza as rochas deste lugar e que xa se cobrou a vida de moitos traballadores. De feito, hai uns días morría un dos percebeiros que traballaban na zona do faro de Laxe.

Os percebes do Roncudo só se poden coller dúas veces ao ano, en xullo e agora en decembro.

É unha incógnita aínda o prezo que van acadar. O ano pasado, a poxa na Coruña acadou case os 300 euros o quilo. Pero neste 2020 non se sabe moi ben como vai responder o mercado. O que agardan os mariscadores aquí é que os consumidores particulares suplan a demanda da hostalaría, que este ano, sen dúbida, minguará.


 

Noticias web

17/12/2020