CRTVG

Buscar

Alumnos dun proxecto Erasmus estudan o impacto económico dos investimentos públicos no Camiño Francés

Publicado o 06/02/2020 20:27

60 alumnos dun total de 200 que participan nun proxecto Erasmus realizaron o tramo do Camiño Francés entre Sarria e Portomarín. Nesta vila finalizaron o traballo de campo do seu estudo, que analiza o impacto económico dos investimentos públicos nesta ruta xacobea. Pertencen a dous institutos franceses, un navarro e mais o Xelmírez I de Santiago.

Hugo Riveira, alumno do IES Arcebispo Xelmírez I:
"Entrevistamos os alcaldes das distintas vilas por onde pasa a ruta e pedímoslles que nos facilitasen información sobre os cartos que chegan a cada concello" explica Hugo Riveira, alumno do IES Arcebispo Xelmírez I.

Nas entrevistas tamén investigaron como eses investimentos inflúen na economía da localidade.
Miriam Loureiro é alumna do CIP FP Lumbier de Navarra e di que arredor do Camiño Francés, ao seu paso por Navarra, en cada etapa, cada grupo de alumnos constata o "grao de accesibilidade para as persoas con diversidade funcional".

Entre as súas conclusións, o proxecto cifra en máis de 50 millóns de euros o investimento autonómico no Camiño Francés na última década, cunha repercusión económica de máis de 250 millóns nas vilas por onde pasa a ruta.

Fernando Comella, profesor do Lycée Rive Gauche de Tolosa asegura que canto máis se achegan a Santiago, máis importancia cobra o Camiño Francés. "E máis clara é a percepción do cidadán do beneficio que ten para el mesmo o investimento público no Camiño de Santiago", engade.

Os participantes no proxecto prevén visitar Fisterra en abril e, unha vez rematado, publicar as conclusións do seu traballo.

Noticias web

06/02/2020