CRTVG

Buscar

Estudantes pontevedreses cambian a viaxe de fin de curso por un voluntariado en África

Publicado o 08/05/2019 23:25

Cambiar unha atractiva e festiva excursión de fin de curso por unha semana nun proxecto de voluntariado en Marrocos. Esa foi a decisión que tomaron 12 alumnos de 1º de bacharelato do IES Frei Martin Sarmiento de Pontevedra. Unha iniciativa pioneira coa que a primeiros de setembro viaxarán a Er-Rachidia para axudar os nenos dunha escola a través da ONG África son eu.

Os alumnos de 1º de bacharelato do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra sorprendíanse hoxe da repercusión mediática que está a ter a decisión de cambiar unha convencional excursión de fin de curso por unha semana colaborando cunha ONG en Marrocos. Unha proposta que partiu da súa profesora de economía, que non tardou en obter resposta.

O proxecto, ademais, ten unha relación directa cos seus estudos, xa que aproveitan as clases de economía para desenvolver a extratexia de financiamento da viaxe e de recadación de fondos para a ONG coa que van colaborar.

Será a principios de setembro cando o seu proxecto se faga realidade en Er-Rachidia, Marrocos.

Un enriquecemento mutuo xa que eles empaparanse da súa cultura, dos seus costumes, da súa linguaxe e sobre todo, aseguran, da experiencia de vivir nun lugar onde o máis básico é un luxo.

Noticias web

08/05/2019