Alumnos dun instituto de Nigrán conviven cunha molesta praga de moscas
Os teitos están ateigados de moscas, o mesmo acontece coas fiestras e con calquera outro recuncho do IES Escolas Proval de Nigrán. Unha praga destes incómodos insectos invade o centro e xera molestias no inicio do curso duns 600 alumnos.
"Hais uns días empezou unha praga de moscas que foi en aumento. As clases estanse desenvolvendo con normalidade, pero é moi molesto ter centos de moscas voando sobre as cabezas", sinala Daniel Mulet, director do IES Escolas Proval de Nigrán.
O protocolo covid obriga o centro a manter portas e fiestras abertas, o que contribúe á proliferación das moscas, e a situación empeora aínda máis na quenda de noite.
"Polas noites hai máis moscas, porque quedan dentro do centro despois de estar todo o día o centro aberto, e polas noites é máis escandalosa a cantidade de moscas", sinala Tereixa Otero, xefa de estudo de nocturno.
Con todo, dende o centro fan un chamamento á tranquilidade das familias e sinalan que xa están a traballar para pór fin á praga. Agardan que a baixada das temperaturas tamén axude a eliminar estas incómodas compañeiras de aula.