CRTVG

Buscar

Alumnos dun colexio de Pontevedra engalanan os muros do centro cun xardín vertical feito con material reciclado

Publicado o 27/02/2019 13:43

Esta é a nova estética que loce a parede norte do CEP Campolongo de Pontevedra. Un proxecto impulsado pola ANPA en colaboración co centro e a estación fitopatolóxica Areeiro transformou o muro nun xardín vertical elaborado polos alumnos.

"Os obxectivos do proxecto primeiro é facer unha reciclaxe e que que os rapaces aprendan como é o proceso da plantación. Primeiro pensamos facerlles o traballo. Deixarlles as botellas preparadas, traerlles unhas plantas, pero pensamos que era moito máis didáctico que fixesen eles o traballo, poñerse as luvas, meter as mans na terra, darse conta do compost, que sempre lles fai moita graza de que sexa esterco, e que escollesen eles a propia planta", di Antonio José Rodríguez, presidente da ANPA.

Esta mañá os alumnos de quinto e sexto de primaria finalizaban o proxecto plantando os seus esgallos en cadanseu testo reciclado e decorado por eles.

"Temos que botarlle antes unha terra, despois un pouco de fertilizante, tamén chamado compost e despois outra vez terra. Despois facemos uns buratiños e plantamos a planta".

"Primeiro trouxemos a nosas botellas decoradas que está moi ben porque reciclamos o plastoc, e despis pnatamos as plantas. Primeiro botamos a terra, o compost enrriba, fixemos uns buratiño e puxemos a nosa planta e despois a pechamos e asi quedou", din os nenos.

Unha experiencia que non remata hoxe, xa que a partir de agora cada un deberá encargarse do coidado diario da súa planta para que o xardín perdure.

"Ao entrar ao cole ou ao saír vimos coa botella de auga que temos na clase e regamos as plantas para que poidan coidarse".

"Despois do colexio ou antes cada día botarlles un pocuo de auga, salvo que chova", din os pequenos.

A iniciativa foi moi ben acollida polos alumnos, tanto pola súa vertente didáctica como polo resultado.

"Moi chulo, a verdade, porque é moi divertido plantar as plantas con cousas recicladas". 

"Así queda máis decorado", aseguran.

O resultado, un xardín vertical onde a natureza se mestura coa arte.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/02/2019